Traballar con ficheiros e directorios

Abrir ficheiros

Cando abre un ficheiro o navegador de ficheiros realiza a acción predeterminada para ese tipo de ficheiro. Por exemplo, ao abrir un ficheiro de texto este mostrarase co editor de texto predeterminado, mentres que ao abrir un ficheiro de imaxe se mostrará a imaxe co visor de imaxes predeterminado.

O navegador de ficheiros comproba a extensión dun ficheiro para determinar o tipo do ficheiro. Se o ficheiro non ten ningunha extensión coñecida, o xestor de ficheiros examina o contido do ficheiro.

Executar a acción predeterminada

Para executar a acción predeterminada para un ficheiro, faga dobre clic no ficheiro. Por exemplo, a acción predeterminada dos ficheiros de son é reproducilos co aplicativo de reprodución de música predeterminado. Neste caso pode facer dobre clic no ficheiro para abrir o ficheiro no reprodutor de música.

Pode configurar as preferencias de Thunar de xeito que ao premer unha soa vez nun ficheiro se execute a acción predeterminada. Para obter máis información consulte « Preferencias de comportamento ».

Executar accións non predeterminadas

Para executar accións diferentes á acción predeterminada dun ficheiro, seleccione o ficheiro no que desexa realizar a acción. Seleccione a acción desexada entre as opcións de Abrir con que se pode atopar no menú Ficheiro ou no submenú Abrir con.

Engadir accións

Para engadir accións asociadas cun tipo de ficheiro siga os seguintes pasos:

  1. Vaia á zona principal e seleccione un ficheiro do tipo ao que desexa engadirlle unha acción.

  2. Seleccione FicheiroAbrir con outro aplicativo... no menú principal.

  3. Pode escoller un aplicativo no diálogo Abrir con ou seleccionar Usar un comando personalizado e buscar o programa co que desexa abrir este tipo de ficheiro.

A acción que seleccionou engadiuse á lista de accións para ese tipo de ficheiro. Se activou a opción Usar como acción predeterminada para este tipo de ficheiro ou se non habia ningunha opción asociada co tipo de ficheiro, a nova acción engadida será a predeterminada.

Tamén pode engadir accións usando o botón Abrir con en FicheiroPropiedades....

Modificar as accións

Para modificar as accións asociadas cun ficheiro ou tipo de ficheiro, siga os seguintes pasos:

  1. Seleccione na zona principal un ficheiro do tipo para o cal desexa modificar a acción.

  2. Seleccione FicheiroPropiedades... no menú principal.

  3. Seleccione a nova acción predeterminada usando o botón Abrir con ou engada unha nova acción seleccionando Abrir con outro aplicativo... no menú despregable.

Para eliminar unha acción engadida anteriormente para un tipo de ficheiro, acceda ao diálogo Abrir con como se describe enriba, prema co botón dereito na acción que desexa eliminar e escolla Eliminar o iniciador.

Propiedades do ficheiro

A xanela de propiedades de ficheiro mostra máis información sobre calquera ficheiro ou cartafol do navegador de ficheiros. Nesta xanela tamén se poden realizar as seguintes accións:

  • Cambiar a icona de ficheiros especiais, como iniciadores de aplicativos ou ligazóns URL.

  • Engadir ou eliminar emblemas a un ficheiro ou cartafol.

  • Cambiar os permisos UNIX dun ficheiro ou dun cartafol.

  • Seleccione que aplicativo se vai usar para abrir un ficheiro e outros ficheiros do mesmo tipo.

Propiedades do ficheiro

Para abrir a xanela de propiedades de ficheiro, siga os seguintes pasos:

  1. Seleccione o ficheiro ou cartafol cuxas propiedades desexa examinar ou cambiar. Aínda non se pode seleccionar varios elementos á vez e mostrar as propiedades comúns a tódolos elementos.

  2. Realice unha das seguintes accións:

    • Seleccione FicheiroPropiedades... no menú principal.

    • Prema co botón dereito no elemento seleccionado e seleccione Propiedades... no menú contextual.

    • Prema Alt+Intro.